Liches algunha vez todos os programas políticos dos partidos que se presentan a unhas eleccións xerais? Ou, polo menos, liches o programa político completo do partido ao que votaches? Se a resposta é non, non te preocupes, nós tampouco. Ao cabo, estes programas son documentos de entre cen e douscentas páxinas, polo que resulta difícil comparalos de forma sinxela e entretida, especialmente nun día a día no que ás veces non temos tempo nin para nós mesmos.
Por iso creamos Infórmate 29N. Inicialmente era para nós, para asegurarnos de que este ano o noso voto fose realmente informado, pero decidimos facela pública. Infórmate 29N é o sitio no que podes comprobar sen nesgos con que partido estás máis de acordo, comparar que ofrece cada un respecto a diferentes temas sen necesidade de lerte documentos interminables ou mesmo descubrir que apoias medidas de partidos aos que nunca pensaras votar.
Queremos deixar claro que esta ferramenta é sen ánimo de lucro, non gardamos os datos en ningún sitio e somos independentes de calquera partido ou medio de comunicación. Todo se fixo da forma máis imparcial e transparente posible.
Cremos nas ideas, non nas cores, e sentimos que cada vez máis a xente se viste de pés a cabeza dunha única «cor». As redes sociais, os medios de comunicación e, en xeral, o boca a boca do teu contorno poden chegar a distorsionar a realidade e facerte mirar o mundo con lentes tinguidas. Infórmate 29N é o noso intento de conseguir que todo o mundo poida cambiar as súas lentes por unhas transparentes.
De corazón agardamos que sexa de utilidade para todos, xa sexa en forma dun momento divertido entre amigos competindo para ver quen acerta máis propostas, un debate coa familia vendo con que medidas estades ou non de acordo, ou unha reflexión individual co teu ordenador comparando diferentes temas.
Este é o noso grao de area e con isto despedímonos. Axudádenos a compartilo se vos gustou para poder chegar a todos os españois.
Unha forte aperta,
Alejandro e María